Estampación botánica coas Herbas de San Xoán (proposta artística).

Na festa de fin de curso, algunhas mestras/es do grupo de horta colaboramos coa ANPA realizando talleres vinculados coa horta escolar; eu organicei un sobre estampación botánica con herbas de San Xoán.

Empreguei diferentes libros como bibliografía para a preparación do taller que coloquei no mesmo por se algunha persona (nenas/os ou adultas) estaba interesada, un dos meus favoritos é "As Herbas de San Xoán. Caderno de campo para faceres o cacho" de @sildoto

Tras ler sobre elas, para a realización do taller tamén precisei ir buscar as herbas de San Xoán pola nosa contorna (grazas pola colaboración a Susana, mestra de horta de extraescolares da nosa escola).

Na nosa viaxe a Berlín, organizada por @coloresrutaspedagogicas , na escola Fröbel que visitamos ( @froebel.deutschland ), vin como unha bióloga e unha artista organizaban un taller similar e tomei moi boa nota.

Conseguín telas de diferentes tecidos, recicleinas para facer probas e escoller a máis idónea, e preparei os fragmentos necesarios para o taller.

Deseñei en canva paneis informativos e minilibros como agasallo para as personas participantes.

O venres coloqueino e disfrutamos moito deste taller experimental no que coñecemos un pouco sobre a tradición da elaboración do cacho, identificamos as herbas, e experimentamos cos seus pigmentos.

Algúns dos obxectivos eran: coñecer elementos das nosas tradicións e cultura, fomentar a atención sobre a fermosura do "pequeno", promover a ecoalfabetización e desenvolver hábitos vinculados coa reciclaxe.

Para min, realizar este tipo de propostas e observar o interese de pequenas e maiores é constatar que a cultura popular pode sobrevivir. Son a miña pequena contribución a que sexamos quen de protexer o noso patrimonio cultural e natural, que é o que nos permite saber quen somos.







Vídeo da proposta

Comentarios

Entradas populares